Monday 20 de May de 2024

A Secretaría Xeral para o Deporte, Marta Míguez, ven de por en marcha esta mañá a Comisión Galega de Control da Violencia


Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas en activar esta ferramenta fundamental para traballar na prevención e sanción da violencia no ámbito do deporte
A Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, presidiu esta mañá o acto de constitución da Comisión Galega de Control da Violencia, un órgano que dará cobertura e resposta as denuncias que se produzan no contexto da práctica de competicións oficiais deportivas de ámbito autonómico, provincial, zonal ou local, toda vez que a Comisión Estatal contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no Deporte da cobertura ás competicións oficiais deportivas de ámbito estatal.
Despois de que o Consello da Xunta aprobase o 31 de maio de 2018 o decreto polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Galega de Control da Violencia e o procedemento sancionador na materia, hoxe ésta quedou constituída e posibilitará actuar directamente e non só en vía de revisión de decisións federativas en temas de violencia.
A Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez salientou que “a constitución desta Comisión era unha demanda da sociedade ante as imaxes que todos temos gravadas na retina de enfrontamentos entre espectadores, insultos aos deportistas e aos árbitros ou comportamentos nada desexables de adestradores” e asegurou que “a nosa prioridade é a de prevención, sensibilización e a educación nos valores do deporte”. No caso de que para protexer eses valores sexa preciso sancionar, advertiu, “farémolo con firmeza”.
Ata agora, a nivel autonómico, só o Comité Galego de Xustiza Deportiva podía actuar ante un incidente violento sempre que se producise unha denuncia, en vía de recurso ou apelación, dentro do exercicio da potestade disciplinaria deportiva.
Hoxe Galicia convértese nunha das primeiras comunidades autónomas do país en poñer en marcha esta útil ferramenta para a erradicación da violencia no ámbito deportivo.
Esta Comisión reunirase como mínimo dúas veces durante o ano natural, as suas funcións organizaranse en dous grupos: preventivo e sancionador.

Membros da Comisión de Control da Violencia

Presidenta: Marta Míguez Telle, Secretaria Xeral para O Deportes
Vicepresidente: Miguel Ángel López Sieiro, subdirector xeral de Plan e Programas, e Maria Teresa Lorenzo Lemos, subdirectora xeral de Xestión Deportiva, como suplente.

En representación do órgano competente en materia de emerxencias e interior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia:

-Ana Purificación Otero Ferreiro, subdirectora xeral de Xogo e Espectáculos Públicos, como vogal titular e Jesús Lata Buceta, xefe de servizo de Espectáculos, como vogal suplente.

En representación do órgano competente en materia de educación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia:

-Manuel Corredoira López, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, como vogal titular, e Álvaro Ariño Roure, xefe de servizo de Ensinanzas de Réxime Especial, como vogal suplente -Roberto García Fernández, Manuel Otero Méndez, José Mario Guede Fernández e Daniel Benavides Alonso, na súa condición de xefes de servizo de deportes nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

-Cristina Fernández Piñeiro e Carlos Cortés Rey, como vogais titulares e respectivamente, Álvaro Cid Bragado e Fernando Eiras Abalde como vogais suplentes na súa condición de ser ou ter sido colexiadas/colexiados ou xuízas/xuíces deportivas/os.

En representación das federacións deportivas galegas:

-María Beatriz Seijo Méndez, como vogal titular e Luis Serantes Álvarez, como vogal suplente, a proposta da Real Federación Galega de Fútbol, como federación deportiva galega que teña outorgadas máis licenzas.

-José Luis Olazabal Ibars, como vogal titular e Juán Gaisse Fariña vogal suplente, en representación do resto das federacións deportivas galegas.

-Maite Aspeinza Garrido e Erika Franco Carrera como vogais titulares e Carmelo Galiñanes Fernández e María do Pilar Costa Rodríguez como vogais suplentes na súa condición de ser ou ter sido deportistas federadas/os

En representación das facultades dedicadas a ensinanza universitaria do deporte e da educación física no Sistema universitario galego:

-Maria José Mosquera González, como vogal titular e a Marta Bobo, como vogal suplente, a proposta da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña: Vicente Romo Pérez, como vogal titular, a proposta da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade da Vigo

En representación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia:

-Mª Dolores González Fernández, coordinadora da Comisión de Psicoloxía de Deporte do COPG, vogal titular e Mª Rosa Álvarez Prada, decana do COPG, vogal suplente

-Francisco González García, xefe do servizo de Deporte Escolar, como secretario titular e María Peleteiro Estévez, xefa do servizo de Contratación e Xestión Económica como suplente

A Comisión Galega de Control da Violencia ten as seguintes funcións:
a) A instrución e resolución dos expedientes sancionadores pola comisión das infraccións contidas nos artigos 157, 158 e 159 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, con ocasión de competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico, provincial, zonal ou local organizadas polas entidades deportivas galegas, consideración que terán aquelas competicións que, realizándose en Galicia, sexan incluídas polas federacións deportivas galegas no calendario oficial, sen que en ningún caso se refiran a materias cuxo exercicio competencial se atribúe á Administración xeral do Estado en materia de seguridade, protección de persoas e bens e mantemento da orde pública.
b) Formular peticións razoadas de incoación de expedientes sancionadores en materia de violencia ao Comité Galego de Xustiza Deportiva e ás autoridades públicas competentes para tal incoación.
c) Elaborar informes e estudos sobre as causas e os efectos da violencia no deporte.
d) Recoller e publicar anualmente os datos sobre violencia nas competicións deportivas realizadas en Galicia e realizar unha memoria anual.
e) Elaborar e difundir programas de prevención e loita contra a violencia no deporte.
f) Proporcionar ás entidades deportivas galegas e ás persoas organizadoras de competicións deportivas os datos e os consellos que poidan facilitar a prevención da violencia.
g) Emitir informe preceptivo sobre os anteproxectos de leis e proxectos de disposicións regulamentarias de iniciativa autonómica referentes a espectáculos e competicións deportivas, disciplina deportiva e instalacións deportivas.
h) Recomendar ás entidades deportivas galegas adecuaren as súas normas de funcionamento interno coa finalidade de teren en conta no seu réxime disciplinario o incumprimento das normas relativas á violencia deportiva.
i) Establecer mecanismos de colaboración e de cooperación coas comunidades autónomas, o Estado e a Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte en materia de violencia no deporte e, especificamente, cos órganos que, con similares finalidades ás da citada Comisión Estatal, existan nas comunidades autónomas.
j) Dar traslado ao Ministerio Fiscal daquelas situacións que poidan ser constitutivas de delicto.
En todas as funcións da Comisión Galega de Control da Violencia se terá en conta de xeito transversal a integración da perspectiva de xénero e a promoción da igualdade entre mulleres e homes.